Saturday 04 de May de 2024

A Fundación Galicia Europa publica a súa “Guía de Financiamento Comunitario 2014-2020”


Dispoñible en papel e a través da web da entidade, pretende facilitar a adaptación dos axentes públicos e privados galegos ao novo período orzamentario da UE

A Fundación Galicia Europa (FGE) vén de presentar, en colaboración co Consorcio Zona de Franca de Vigo, a súa “Guía de Financiamento Comunitario 2014-2020”, unha publicación que se encadra na principal liña de traballo desta entidade nos últimos tempos: facilitar a adaptación dos axentes galegos ao novo período orzamentario da UE. A guía, dispoñible en papel e a través da web da FGE, servirá como complemento ás xornadas de formación que esta continuará a celebrar en 2015 a través de acordos con entidades públicas e privadas galegas, co propósito de favorecer a posta en marcha de proxectos cofinanciados pola UE na nosa comunidade.

A adaptación por parte dos axentes galegos ás novidades introducidas neste novo Marco Financeiro Plurianual, que estará en vigor ata 2020, é de vital importancia dado que será o derradeiro período no que Galicia recibirá o presente volume de fondos estruturais, por ter saído xa do grupo de rexións menos desenvolvidas da UE. De tal xeito, dende a FGE estase a traballar para dar a coñecer vías alternativas de financiamento ás dependentes da Política Rexional, polas que as entidades galegas interesadas deberán competir con axentes do resto de rexións máis desenvolvidas da UE a partir de 2020.

Estas liñas de financiamento alternativas, xeralmente descoñecidas polo gran público, son aquelas xestionadas polos distintos departamentos da Comisión Europea encargados de aplicar as prioridades políticas nos distintos ámbitos de traballo da UE. Financian, polo tanto, proxectos que se axusten á lóxica e ao enfoque político do executivo comunitario en temas como o medio ambiente ou a innovación, a través de convocatorias de concorrencia competitiva abertas para entidades de toda Europa.

Así, as liñas aprobadas para o período orzamentario 2014-2020 son coherentes coa estratexia de crecemento da UE ata 2020, que aposta pola economía do coñecemento, a sustentabilidade e a inclusión social. Proba disto é que, de todos os programas de xestión centralizada para 2014-2020, o que conta cunha maior partida é Horizonte 2020, adicado ao fomento da innovación e a investigación en Europa.

Manual para a posta en marcha de proxectos europeos
Debido ás múltiples especificidades e detalles a ter en conta á hora de presentar unha proposta a unha convocatoria de calquera destes programas de xestión centralizada, a FGE incluíu na “Guía de Financiamento 2014-2020” unha sorte de manual que pretende achegar certas pautas para a elaboración e posta en marcha de calquera proxecto financiado por este tipo de programas. Así, danse consellos e recomendacións para elixir socios doutros países europeos, preparar a documentación ou comunicar o proxecto.

A FGE ofrece tamén no manual o seu apoio ás entidades galegas interesadas en acceder ao financiamento comunitario, achegando información e asesoramento, organizando cursos para a preparación de proxectos europeos ou colaborando na procura de socios a escala europea. Ademais, o portal web da FGE recolle regularmente convocatorias e procuras de socios por parte de entidades doutros países, así como información detallada e actualizada sobre as posibilidades de financiamento da UE.

A Fundación Galicia Europa
A Fundación Galicia Europa é unha entidade sen ánimo de lucro creada en 1988 co fin de propiciar o achegamento entre Galicia e Europa. Participada por diversas entidades públicas e privadas galegas, a Fundación está vinculada funcionalmente á Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia. Conta con dúas oficinas: unha en Santiago de Compostela e outra en Bruxelas, formando parte esta última das preto de 300 representacións rexionais establecidas na capital comunitaria.